Monday 29 de April de 2024

Carral destinará máis de 300.000 euros do Plan Único ao proxecto de saneamento da parroquia de San Vicente de Vigo


• O Concello celebrará este luns, 13 de febreiro, un pleno extraordinario con carácter ordinario para aprobar o plan provincial.

• Con cargo ao plan provincial, o goberno local tamén propón dedicar 56.968,65 euros a políticas sociais e 359.818,31 euros do Plan Complementario a obras de mellora do firme en diferentes parroquias

O Concello de Carral celebrará este luns, 13 de febreiro, un pleno extraordinario con carácter ordinario para dar luz verde Plan Único da Deputación da Coruña.

Con cargo ao plan provincial, o goberno local propón dedicar un total de 307.721,07 euros á execución de dous proxectos de mellora de saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo, concretamente no núcleo de Balbén (202.021, 82 euros) así como nos de Ameás, Parapar e Abrigosa (105.699, 25 euros).
Para o goberno local é unha prioridade levar o saneamento a todas as parroquias e, neste caso, o proxecto en San Vicente é un compromiso que adquiriu o rexedor cos veciños e veciñas do lugar no seu momento. De feito, as dúas actuacións contempladas no POS xa poden iniciarse en breve.

Doutra banda, a través do Plan Único Social, creado para sufragar gastos sociais extraordinarios, o Concello recibirá 56.968,65 euros cuxo destino final será o reforzo de persoal técnico e administrativo adscrito ao departamento de Servizos Sociais e a ampliación das partidas destinadas a axudas de emerxencia a persoas soas ou familias en risco de exclusión social así ao departamento en xeral.

Plan Complementario
A maiores, levará a pleno a aprobación do Plan Complementario provincial, no que o Concello incluíu catro proxectos: a mellora da capa de rodadura e formación de cunetas e beirarrúas en Santa Baia de Cañás e Herves, a mellora de cunetas en Sergude e a recuperación da praza da Capela. Estas actuacións contan cunha asignación de 359.818,31 euros.